Biografía
Xaime Isla Couto
Xaime Isla Couto (1915–2012) foi unha das figuras clave do galeguismo contemporáneo. Intelectual, avogado, profesor e editor, participou no movemento galeguista desde a mocidade, impulsou a Editorial Galaxia e destacou polo seu compromiso coa cultura, a economía e a construción dunha Galicia máis consciente de si mesma.
Saber máisTraxectoria
Primeiros anos
Nado en Santiago de Compostela o 23 de outubro de 1915, residiu en Vigo desde 1923, residencia que alternou coa localidade de Raxó (Poio), na ría de Pontevedra. Xa desde neno foi decisivo para el o maxisterio do seu irmán Ramiro, emigrado con 15 anos á Arxentina e pioneiro do galeguismo nese país. Nos primeiros anos do bacharelato organizou unha Asociación Escolar de Iniciación Cultural, que enviou a súa adhesión á Asemblea das Irmandades da Fala, celebrada na Coruña en abril de 1930, e á homenaxe a Otero Pedrayo en Ourense en xuño dese mesmo ano.
República
O 14 de abril de 1931 proclamou a República no Instituto de Vigo, varias horas antes de producirse este feito en Madrid. Con anterioridade participou na creación do Grupo Autonomista Galego de Vigo, unha das organizacións políticas promotoras do Partido Galeguista e patrocinadora da candidatura triunfante de Castelao ás Cortes Constituíntes. Foi fundador da Mocedade Galeguista de Vigo (1932), da Federación de Mocedades Galeguistas (1934) e da Unión Galega de Estudantes (1936). Ao tempo, organizou os agrupamentos Ultreya en Vigo e foi alumno bolseiro do Seminario de Estudos Galegos nas campañas de investigación de 1935 no Deza e de xullo de 1936 en Fisterra.
Guerra Civil
Durante a Guerra Civil acompañou moitos seráns os mártires do bou Eva, entre eles os curmáns de Castelao, Pepe e Manolo, agochados nun piso baleiro do seu irmán Ramiro en Vigo. Tras unha tentativa fallida de fuxida a Portugal, que rematou coa detención e o encarceramento do seu irmán Ramiro en Verín, permaneceu agochado na escola da súa irmá Blanca no Casal (O Porriño). Tralo chamamento a filas, incorporouse ao Exército Nacional como brigada de complemento no 11.º Rexemento Lixeiro de Artillaría de Pontevedra, participando nas campañas de Teruel e Madrid cara ao final da Guerra Civil.
Galeguismo tras a guerra
Trala Guerra Civil asumiu a responsabilidade da secretaría técnica do Partido Galeguista na clandestinidade desde 1943. Impulsou e ideou a fundación da Editorial Galaxia en 1950, empresa da que foi conselleiro delegado desde a súa creación e, posteriormente, presidente e presidente de honra. Dentro do seu carácter proxectista e emprendedor cómpre incluír a creación da editora SEPT en 1965 e do primeiro Partido Popular Galego en 1976, que concorreu ás eleccións xerais de 1977. No ámbito da súa militancia cristiá foi presidente da Comunidade de Vida Cristiá Nosa Señora da Guía-Santiago Apóstolo, fundada polo padre Seixas, así como da Comisión Diocesana de Xustiza e Paz de Tui-Vigo.
Docencia, dereito e pensamento económico
Fixo estudos de Maxisterio entre 1933 e 1936 polo Plan Profesional da República, e foi depurado pola súa afiliación galeguista. Simultaneou estes estudos cos de Dereito, que rematou en 1940. Nos anos sesenta realizou estudos de Económicas e nos anos noventa de Teoloxía. Profesionalmente, Xaime Isla combinou a docencia universitaria co exercicio da avogacía. Foi catedrático de Dereito e Economía da Empresa na Escola de Peritos Industriais de Vigo, profesor no Colexio Universitario de Vigo e na Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, traballou como letrado asesor de Caixavigo, do grupo Zeltia, de Corporación Noroeste e doutras empresas e gremios económicos, como o conserveiro e o madeireiro. Fundador e director da Revista de Economía de Galicia (1958–1968), dirixiu tamén a Revista Galega de Estudos Agrarios (1979). Como resultado deste intenso compromiso persoal, foi recoñecido co Memorial Joan XXIII (1986), coa Medalla Castelao (1987), co Premio Trasalba (1992) e coa insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela (2001).
Últimos anos e legado
No ano 1992 celebrouse no Concello de Poio a primeira edición do concurso literario Xaime Isla Couto de poesía e relato curto con motivo do Día das Letras Galegas. En 1999 leu o seu discurso de ingreso como académico numerario da Real Academia Galega. Ese mesmo ano foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Vigo e acadou outros nomeamentos honoríficos, como presidente honorario da Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN), socio de honra do Ilustre Colexio de Economistas de Pontevedra e do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais, e presidente da Fundación Fernández Flórez. En agosto de 2010 foi inaugurado en Raxó (Poio) o centro cultural Xaime Isla Couto.
