Memoria democrática

Recuperar a memoria, honrar o compromiso democrático

Os irmáns Ramiro e Xaime Isla Couto viviron en primeira persoa a represión, o exilio e as consecuencias negativas do seu compromiso coas liberdades e coa democracia.

A Fundación traballa para que esa experiencia non caia no esquecemento mediante o labor de recuperación e difusión das súas biografías e da memoria democrática, entendida como a reivindicación dos valores democráticos e dos dereitos e liberdades fundamentais ao longo da historia contemporánea.

Tras o golpe de Estado de 1936, Ramiro e Xaime Isla Couto tentaron cruzar a fronteira cara a Portugal. Ramiro foi detido en Verín en decembro de 1936, onde permaneceu encarcerado ata ser trasladado a Vigo e liberado en abril de 1937, exiliándose posteriormente no Porto.

Os curmáns de Castelao, Pepe e Manolo, agocháronse no piso de Ramiro na rúa García Barbón de Vigo. Foron coidados e protexidos pola familia Isla Couto ata que morreron suicidados a bordo do bou Eva, no Berbés, en abril de 1937, tras ser descuberta polos falanxistas a súa tentativa de fuxida.

A finais de 1936, Ramiro estaba encarcerado en Verín; a Xaime fóralle prohibido realizar o ano de prácticas do Grao Profesional de Maxisterio por orde do gobernador civil de Pontevedra, debido á súa afiliación política galeguista; e a súa irmá Sara Blanca fora apartada temporalmente do seu labor como mestra no Casal, no Porriño.

1938 · Galice sous la botte de Franco

Editada anonimamente en París, a obra recolle o testemuño de Ramiro nas páxinas dedicadas ao golpe de Estado e á represión en Vigo. O seu testemuño aparece tamén na identificación e denuncia dos represores e verdugos que actuaron na cidade.

Ramiro Isla viviu vinte anos de exilio entre Portugal, Francia e Hispanoamérica, sen deixar nunca de traballar pola causa galega e republicana. Instalado no Porto entre 1937 e 1938, colaborou na axuda a persoas fuxidas do réxime franquista para que puidesen saír cara a América e Francia.

Tras a caída de Cataluña, estableceuse como refuxiado en París, onde colaborou na organización do embarque de persoas refuxiadas republicanas cara a México e Chile nos barcos da liberdade.

Este labor desenvolveuse en colaboración coas Sociedades Hispanas Confederadas e coas organizacións galeguistas de axuda ás persoas refuxiadas de Uruguai e Arxentina.

O seu periplo continuou en México, Colombia e Venezuela, onde participou na vida asociativa galega no exterior, ata o seu regreso definitivo a Galicia en 1957.

1943 · Cancioneiro da Loita Galega

Ramiro integrouse no grupo Saudade e no Partido Galeguista en México, responsables da edición desta obra. No Cancioneiro da Loita Galega, a súa compañeira Chita Lamas publicou o poema elexíaco «Víctor Casas», dedicado ao líder galeguista asasinado polos franquistas en novembro de 1936.

1969 · A Misa de Rosalía

O 25 de xullo de 1969, Xaime Isla Couto foi detido pola policía franquista e posteriormente xulgado polo Tribunal de Orde Pública.

Á saída da Misa de Rosalía en San Domingos de Bonaval, Xaime Isla uniuse ao canto colectivo da coñecida canción de protesta estudantil «Venceremos nós», tras a interpretación autorizada do Himno de Galicia polo coro obreiro Ondas do Mar de Vigo.

Tras os berros espontáneos de «Viva Galiza Ceibe» e «Liberdades para Galiza», foi mallado e detido polos policías grises, dirixidos por axentes de paisano da Brigada Político-Social.

Condenado polo Tribunal de Orde Pública, foi posteriormente absolto polo Tribunal Supremo.

1968 · Sanción á Revista de Economía de Galicia

A Dirección Xeral de Prensa impuxo a Xaime Isla unha sanción económica de 25.000 pesetas. A sanción foi imposta en xaneiro de 1968 por mor dun editorial anónimo sobre o conflito marisqueiro nas rías galegas publicado na Revista de Economía de Galicia, da que Xaime Isla era director.

En 1965, Xaime Isla promoveu a creación deste grupo político clandestino. En xullo de 1976, a Unión Demócrata-Cristiá de Galicia deu orixe ao Partido Popular Galego, que concorreu ás primeiras eleccións democráticas do 15 de xuño de 1977.

Esta memoria persoal da biografía democrática da familia Isla Couto enlaza coa vontade da Fundación de contribuír á recuperación da memoria democrática de Galicia.

A Fundación pon á disposición da investigación e da cidadanía os fondos documentais custodiados no seu Arquivo e edita e publica libros sobre o compromiso de Ramiro e Xaime Isla Couto coas liberdades e coa democracia.

Coñece os servizos Coñece as publicacións