Biografía
Ramiro Isla Couto
Ramiro Isla Couto (1896–1987) foi un destacado galeguista, escritor e activista da emigración galega en América. Impulsou publicacións e organizacións culturais en Arxentina, colaborou co Partido Galeguista e co exilio republicano, e dedicou a súa vida á defensa da cultura, da identidade e do autogoberno de Galicia.
Saber máisTraxectoria
Primeiros anos
Naceu en Arnois, no concello pontevedrés da Estrada, o 8 de marzo de 1896. Con quince anos, e logo de vivir en Cambados, Vilagarcía e Santiago de Compostela por mor do traballo do seu pai Fidel Isla como gardacivil, tivo que interromper os seus estudos para emigrar a Bos Aires, onde continuaría a súa formación na Escola de Comercio, ao tempo que traballaba cun tío seu. Nestes tempos tamén navegou como mariño mercante, chegando a acadar o título de piloto, profesión que abandona pola preocupación da súa nai, Manuela Couto.
A entrada no galeguismo
En 1916 pasou a formar parte da dirección da Asociación Cultural Gallega Terra, correspondente na emigración das Irmandades da Fala, onde tivo como compañeiro a Rodolfo Prada. Ao ano seguinte volvía a Galicia para cumprir co servizo militar e, logo de participar na guerra con Marrocos, estivo á fronte dun pequeno estaleiro en Ferrol, propiedade dos Deza, unha Casa Banca de Santiago. Desta experiencia consérvase inédito o seu proxecto dun prototipo de barco de pesca, con deseños, planos e unha memoria redactada en galego.
Contactos co nacionalismo
Neste anos contactou con Lois Porteiro Garea en Santiago de Compostela e en Ferrol coa editorial Céltiga, de Xaime Quintanilla e Ramón Villar Ponte, vinculándose definitivamente ó galeguismo na Irmandade Nazonalista Galega (ING), onde coñeceu, entre outros, a Vicente Risco, Castelao, Florentino L. Cuevillas e Antón Villar Ponte. Asistiu a tódalas asembleas da organización que tiveron lugar con anterioridade a 1923, ano no que volveu de novo á Arxentina, coa encomenda de Risco de organizar as delegacións da ING nese país e no Uruguai.
Na emigración
De volta en Bos Aires creou a revista Terra. Idearium da ING n’América do Sul, unha versión de Nós, da que foi director literario Eduardo Blanco Amor e traballou na creación da Casa de Galicia de Bos Aires. Colaborou tamén na revista Céltiga coa sección “Idearium galeguista”, no xornal A Fouce, con artigos e algún gravado en linóleo, e na fundación da Sociedade Nazonalista Pondal. Entre 1923 e 1931 viviu unha etapa de dedicación plena á promoción e apoio de cantas iniciativas serviran para integrar aos emigrantes nas ideas galeguistas e doutras como o apoio ao Seminario de Estudos Galegos, coa achega dunha valiosa axuda económica, e mais á Institución Protectora do Libro Galego. Naqueles anos mantivo unha estreita relación co poeta Manuel Antonio, que visitara a Arxentina como mariño mercante.
Partido Galeguista e Estatuto
A finais de 1931 regresa a Galicia coa súa dona Chita Lamas e asiste á asemblea constitutiva do Partido Galeguista, formando parte do seu primeiro consello nacional como conselleiro delegado en representación dos emigrantes. Ademais, formou parte da Xunta Directiva do Partido Galeguista en Vigo e colaborou activamente nos labores de propaganda nas diferentes eleccións así como na campaña do referendo do Estatuto de Galicia de xuño de 1936.
Tras a Guerra civil
Tralo golpe de estado de xullo de 1936 e logo de que o detivesen en Verín e o levasen a Vigo, conseguiu fuxir a Portugal e máis tarde a Francia. Dende alí prestaría servizos á República ata o final da Guerra Civil e, como delegado das Sociedades Hispanas Confederadas, organizaría a saída para América de moitos galegos que estaban en campos de concentración franceses.
No exilio
Despois de pasar por Cuba estivo en México, onde con outros galegos, entre eles o pintor Arturo Souto, o poeta Florencio Delgado Gurriarán e o cineasta Carlos Velo, fundaría o grupo Saudade e a revista do mesmo nome. Máis tarde estivo tamén en Colombia, Venezuela e outros países americanos, por mor do seu posto nos laboratorios Roche, onde coincidiu con Luis Tobío, que tamén traballaba para esta firma suíza. Estas viaxes continuas permitíronlle manter o contacto cos galeguistas na emigración, así como con vascos e cataláns, cos que constituiría en Colombia unha delegación de Galeuzca. Neste mesmo país foi representante do Consello de Galiza. Antes de volver definitivamente a Galicia en 1957 estivo tamén en Venezuela, onde participou en diversas actividades culturais e organizativas, como a creación da Casa de Galicia de Caracas, e estableceu contacto con outros compatriotas emigrados, como Xosé Velo, Silvio Santiago García e José Domínguez Benavides.
Retorno: a Fundación Penzol
Dende o seu retorno e ata o seu falecemento, o 5 de decembro de 1987 en Vigo, Ramiro Isla Couto continuou o seu labor cultural e político na Fundación Penzol, á que lle fixo valiosas achegas bibliográficas. O 28 de xuño de 1986 recibiu a Medalla Castelao nun solemne acto en conmemoración do cincuenta aniversario da aprobación en referendo do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia no 1936.
