Lingua e cultura galegas

A Editorial Galaxia e o proxecto político-cultural do galeguismo

Entre 1943 e 1946 reactivouse a actividade política do clandestino Partido Galeguista en Galicia. Mais a detención de Ramón Piñeiro e os irmáns Saco Arce en abril de 1946 e o aumento da vixilancia e represión policial contra os seus militantes, motivaron a necesidade de abordar un cambio na estratexia de resistencia político-cultural.

A Editorial Galaxia naceu en 1950 como unha das principais iniciativas político-culturais do galeguismo de posguerra. O seu obxectivo era reconstruír un espazo estable para a edición en galego tras a destrución e saqueo da Editorial Nós en 1936 e garantir a continuidade do proxecto cultural e político esmagado pola Guerra Civil e a ditadura de Franco.

1950 · Fundación da Editorial Galaxia

O 25 de xullo celebrouse a asemblea fundacional no Hotel Compostela, en Santiago de Compostela, coa participación da familia Isla Couto como accionistas fundadores

Xaime Isla Couto deseñou a estrutura mercantil e organizativa da Editorial como unha sociedade anónima para canear as restricións da Ditadura á creación de novas editoras, desempeñándose como conselleiro delegado entre 1950 e 1996.

Durante o franquismo, Galaxia converteuse nun dos principais instrumentos de reconstrución cultural pública e resistencia política clandestina. Educou no galeguismo ás xeracións novas, acadou o recoñecemento da lingua galega como idioma de cultura, creación e pensamento e promoveu coleccións, revistas e publicacións que contribuíron decisivamente á renovación intelectual do país.

1957-1974 · Colección Illa Nova

Financiada por Xaime Isla e Cristina Nóvoa, converteuse no referente da nova narrativa galega e deu voz á nova xeración de escritores e escritoras como Xohana Torres, Mendez Ferrín, Franco Grande ou Carlos Casares.

Dentro das liñas de traballo da Editorial, Xaime Isla promoveu a creación da Biblioteca de Economía Galaxia e dirixiu a Revista de Economía de Galicia (1958-1968). Ao tempo, en 1967 promoveu a edición de discos en galego en colaboración con Edigsa, contribuíndo ao nacemento dun espazo musical galego e anticipando o movemento de Voces Ceibes.

1958–1968 · Revista de Economía de Galicia

Revista pioneira en España no eido da economía rexional, nos seus 65 números procurou estudar, concienciar e ofrecer alternativas aos problemas de desenvolvemento de Galicia.

Outros fitos da Editorial Galaxia foron a posta en marcha de Grial. Revista galega de cultura (1963) e a custodia dos legados de Fermín Penzol e Ramón Otero Pedrayo que deron orixe á Fundación Penzol (1963) e Fundación Otero Pedrayo (1979).

Na actualidade, a Fundación Isla Couto é unha das principais accionistas de Galaxia grazas á dotación fundacional da familia Isla Couto.

Saber máis