Valores cristiáns

Fe, compromiso e cultura galega

A fe e a espiritualidade constituíron unha dimensión esencial da vida de Xaime Isla Couto. Tras recuperar a práctica relixiosa na década de 1930, desenvolveu unha intensa actividade orientada á incorporación da lingua e da cultura galegas á vida da Igrexa.

1966 · Fundación de SEPT

A Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos converteuse na principal editorial relixiosa en lingua galega.

A través de SEPT impulsouse a publicación do Misal Galego, a difusión da liturxia en galego, a tradución dos principais documentos do Concilio Vaticano II e a edición das obras de destacados teólogos galegos.

Xaime Isla desempeñou tamén un papel decisivo na aprobación da liturxia en galego, colaborando con figuras como o Padre Seixas, Domingo del Riego e a Mocedade Galega Católica. O seu labor contribuíu á normalización do galego na celebración relixiosa.

1989 · A Biblia en galego

SEPT culminou a primeira tradución completa da Biblia ao galego desde as linguas orixinais, distinguida co Premio Nacional de Tradución en 1990.

Ademais da súa actividade editorial, Xaime Isla participou na creación de comunidades cristiás, promoveu o uso do galego na liturxia e desenvolveu unha intensa acción social inspirada nos valores do humanismo cristián.

Deus fala galego

Xaime e o seu equipo de profetas do Vaticano II, en verbas do bispo Miguel Anxo Araúxo, traballaron arreo para a inculturación da Igrexa en Galicia.

Este legado continúa presente na Biblioteca de Humanidades da Fundación, que conserva unha ampla colección dedicada ás ciencias relixiosas e á espiritualidade, testemuño do papel que Xaime Isla atribuía ao diálogo entre fe, cultura e compromiso social.

Saber máis