
Observatorio dos Montes en Man Común e Baldíos
Presentación
O Observatorio dos Montes en Man Común e Baldíos é unha ferramenta de investigación, información, asesoramento e consulta ao servizo da xestión comunal do monte en Galicia e Norte de Portugal.
Nace a partir da colaboración entre investigadores/as da Universidade de Vigo do grupo de investigación ECOBAS e comunidades de montes veciñais en man común e, arestora, conta co apoio da Fundación Juana de Vega, a Universidade de Vigo e a Fundación Isla Couto.
Esta alianza público-privada xera un espazo de colaboración que está aberto á participación de todos os actores que teñan entre os seus obxectivos o fortalecemento das formas comunitarias de xestión do territorio e dos recursos naturais en Galicia e Norte de Portugal.
Misión
Obxectivos
-
Poñer en valor da xestión comunal do monte.
-
Realizar achegas de valor á xestión comunitaria do monte.
-
Fomentar a transferencia activa de coñecemento.
Liñas de traballo
O Observatorio está a desenvolver traballos no eido da contabilidade social do monte comunal, a achega das comunidades veciñais de montes en man común á Axenda 2030 e os ODS, a aportación de capital intelectual á xestión comunal, a elaboración dun catálogo de boas prácticas, a organización de xornadas, congresos e obradoiros de traballo, e a creación dun repositorio de experiencias das comunidades veciñais e de información legal, económica e académica sobre montes en man común e baldíos.
Resultados
Tese de Doutoramento: “Capital intelectual como fuente de valor en la gestión de bienes comunales el caso de las comunidades de montes en Galicia” da Dra. Beatriz Zugazagotia Rodríguez, defendida na Universidade de Vigo, e dirixida polos Dres Carlos María Fernández Jardón e F. Xavier Martínez Cobas.
Traballo de Fin de Grao: “Aplicación dun modelo de contabilidade social para a xestión da comunidade de montes de Vincios” de Lar Otero Bello.
Organización do I Encontro dos Montes en Man Común e Baldíos na Universidade de Vigo (maio de 2025).
