Retrato de Celso e Manuel Isla Couto

Biografía

Celso e Manuel Isla Couto

Os irmáns Manuel (1910-1990) e Celso Isla Couto (1911-2001) desenvolveron unha próspera carreira profesional no eido do comercio, apoiando as iniciativas culturais do galeguismo como a Editorial Galaxia. En 1987 dotaron o patrimonio fundacional da Fundación Isla Couto animados pola lembranza do seu irmán Ramiro.

Traxectoria

1923

Vigo, a cidade das oportunidades

En 1923 comezaron a residir en Vigo tras a mudanza familiar desde Compostela. Manuel, como outros membros da familia, asistiu ás aulas da Escola Municipal de Artes e Oficios. Desde moi novos comezaron a traballar como dependentes de comercio e axentes comerciais. Celso compartiu oficina co seu pai Fidel iniciando unha exitosa carreira que o levou a fundar a empresa Celso Isla Representaciones, que cedeu aos seus traballadores tras a súa xubilación. Manolo, como era coñecido familiarmente, traballou como apoderado de Almacenes El Pilar.

1949

Unha vida de compromiso

En novembro de 1949, Manuel e Celso figuran no grupo de primeiros subscritores de accións da Editorial Galaxia. Ademais participaron activamente na vida social da cidade. Manuel foi vicepresidente da Asociación de Antigos Alumnos Salesianos, onde promoveu a paixón polo xadrez, e presidente da Hermandad de Caballeros de Don Bosco. Ademais, desempeñouse como secretario do Círculo Mercantil e Industrial de Vigo. Siareiros do Celta de Vigo, actuaron como socios compromisarios en diversas asembleas do clube. En 1971 Manuel recolleu o testemuño do seu pai na Adoración Nocturna, integrándose no Turno 4º María Auxiliadora. Tras o seu pasamento, Xaime colleu o relevo no mesmo turno, co mesmo distintivo e empregando o manual do seu irmán Manolo.

Unha familia moi unida

Solteiros, conviviron xuntos nun piso na rúa de Venezuela e, posteriormente, na rúa da Laxe. Desde 1957 tamén acolleron a Ramiro tras do seu regreso de Venezuela así como á súa irmá Lela.