Biografía
Fidel Isla Couto
Fidel Isla Couto (1902-1989) destacou como un dos homes de confianza nas iniciativas empresariais dos irmáns Fernández López como Zeltia (1939), Cementos del Noroeste (1957), Cooper Zeltia (1964) ou Calizas y Fertilizantes del Noroeste (Calfensa) (1966). Apoiou economicamente iniciativas como o Seminario de Estudos Galegos ou a Editorial Galaxia e en 1952 promoveu a edición do Almanaque Agrícola ZZ, a primeira publicación comercial en galego distribuída de forma masiva.
Saber máisTraxectoria
Primeiros anos
Fidel naceu en Cambados o 1 de novembro de 1902. A súa infancia transitou entre Cambados, Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela polos destinos do seu pai como gardacivil. Rematados os estudos primarios, a súa formación completouna na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela. A partir de 1920 viviu en Ferrol, a carón do seu irmán Ramiro que regresara de Arxentina, traballando como comercial no eido do aceite mineral e como provedor da Mariña de Guerra.
Vigo, cidade industrial
En 1927 trasladouse a Vigo e entrou a traballar de viaxante para a Casa Busquets Hermanos, almacenistas e importadores dedicados á venda de produtos de droguería, farmacéuticos, insecticidas e fertilizantes. Fidel realizou estudos de peritaxe e profesorado mercantil na Escola de Comercio de Vigo e, durante a Guerra Civil, traballou no Instituto Bioquímico Miguel Servet, creado polo médico galeguista Ramón Obella, como xefe comercial. O 21 de decembro de 1940 casou na Igrexa de Santiago de Vigo con Blanca Serrats Abuín.
Zeltia e o emprendemento galego
En 1939 Obella abandonou o Miguel Servet canda a Fidel Isla e Ferrán Calvet. Xunto con José Ruíz Gómez e os catro irmáns e empresarios Fernández López —José, Antonio, Manuel e Concepción— constituíron a sociedade anónima Zeltia para desenvolver as patentes propiedade de Obella. Traballou como xefe administrativo dos laboratorios e foi nomeado conselleiro-secretario de Zeltia tras un breve período como conselleiro-delegado. Posteriormente, participou na constitución dalgunhas das empresas e corporacións industriais máis relevantes do tecido industrial galego como Cementos del Noroeste, Antibióticos, Calizas y Fertilizantes del Noroeste (calfensa), Prebetong Hormigones, Galaica de Materiales de Construción (Gamasa) ou a Compañía de Aplicaciones.
O mecenado do galeguismo cultural
Motivado polos seus irmáns Ramiro e Xaime, contribuíu economicamente ás iniciativas culturais do galeguismo, como o Seminario de Estudos Galegos e foi un dos accionistas fundadores da Editorial Galaxia (1950). Desde Zeltia promoveu, en colaboración con Ismael Sierra Franco e coa Editorial Galaxia, a publicación do Almanaque Agrícola ZZ, a primeira publicación comercial en lingua galega distribuída de forma gratuíta e masiva.
Home dotado dun excepcional talento empresarial e comercial que puxo ao servizo da prosperidade de Galicia, Fidel finou en Vigo o 11 de febreiro de 1989 aos 86 anos de idade, acompañado polo recoñecemento da comunidade empresarial e galeguista da cidade e de toda Galicia.
