Biografía
Chita Lamas Barreiro
Chita Lamas Barreiro (1909-1951) naceu en Ourense e finou en Lima (Perú), pero criouse en Bos Aires onde emigrara a familia. Compañeira de Ramiro Illa Couto, acompañouno entre 1929 e 1950 na súa vida de peregrino polo mundo galego. Esta muller galaico-porteña autodidacta e con sensibilidade artística e vital foi recoñecida como a primeira voz poética feminina do exilio galego
Saber máisTraxectoria
Primeiros anos
Chita naceu e bautizouse co nome de Inmaculada Concepción en Ourense en 1909. Tras deixar atrás un negocio de confeitería, o seu pai Farruco Lamas Salgado -de ideoloxía republicana e agrarista- instalou a Granxa Ceres en Ituzingó nas aforas de Bos Aires, unha moderna e premiada explotación agropecuaria. Educada nun colexio inglés, coñeceu a Ramiro Isla de cativa, cando colaboraba co seu pai na Agrupación Rexionalista A Terra (1917).
Un matrimonio peregrino
No seu segundo retorno a Arxentina (1922-1931) como militante e activista da Irmandade Nazonalista Galega (ING), Ramiro foi acollido pola familia Lamas-Barreiro. Tras un noivado epistolar debido ás viaxes de Ramiro polas provincias de Corrientes, Chaco e Formosa, o 20 de abril de 1929 o viaxante de comercio de trinta e tres anos casaba coa mociña Chita de vinte. En decembro de 1931 Ramiro regresou a Galicia acompañado por Chita, que se afiliou ao Partido Galeguista en 1934.
Guerra Civil
O matrimonio separouse en diversas ocasións polas viaxes comerciais de Ramiro por Galicia e España, polas estadías temporais de Chita en Madrid e por dúas viaxes a Arxentina en 1933 e finais de 1935, onde se atopaba en xullo de 1936. Na distancia viviu con angustia a detención e encarceramento de Ramiro en Verín en decembro de 1936. Tras a súa liberación reencontráronse en Porto en xaneiro de 1938. En setembro trasladáronse a Francia e viviron en París desde febreiro de 1939 mentres colaboraban na saída dos refuxiados galegos cara ao exilio en México e Chile
O exilio
Rematada a Guerra Civil e iniciada a II Guerra Mundial, o 19 de outubro de 1939 o matrimonio desembarcaba en Veracruz (México) integrándose na cativa comunidade galega exiliada. Xunto con Carlos Velo, Xosé Caridad Mateo, Arturo Souto, Ramón Cabanillas Álvarez, Roxelio Rodríguez de Bretaña e Florencio Delgado Gurriarán promoveron a creación da Irmandade Galeguista, o grupo Saudade e a revista Saudade. Verba galega nas Américas, e a edición do Cancioneiro da Loita Galega.
Poeta en galego
No exilio en México a voz poética de Chita revelouse publicamente con dous poemas en galego. O primeiro poema de estilo neotrobadoresco -«Hoxe foise o meu amor»- publicouse en maio de 1943 no terceiro número da revista Saudade. Nese mesmo ano, Ramiro facilitou os traballos de impresión en Durango do Cancioneiro da Loita Galega, editado polo Partido Galeguista. Neste libro Chita figura como a única poeta muller. Tirado do prelo o día de Galiza de 1943, Chita asina o romance tradicional elexíaco «Víctor Casas» dedicado ao líder galeguista asasinado polos franquistas na Caeira (Poio) o 12 de novembro de 1936.
Separación e morte
A partir deste ano as pegadas de Chita disípanse. En abril de 1944 Ramiro instalouse en Bogotá (Colombia). E da correspondencia conservada desaparecen as referencias a Chita até que en 1950 Vicenta Lamas intermediou perante Ramiro solicitando o divorcio en nome da súa irmá pequena e deulle conta do precario estado de saúde de Chita, residente en Lima (Perú), onde finou en 1951 á idade de 42 anos.
